A historia
Era un «E» de chapa e neon, case tan alto coma unha persoa, dun anuncio luminoso que coroa un edificio dos anos trinta sobre a praza de Callao. Desde alí arriba viu estreas de cine, colas que dobraban a esquina, fins de ano e milleiros de fotos co letreiro ao fondo. Os operarios chamábanlle «o lacazán», porque sempre era o último en acenderse.
Cando KOI empezou a apagar a Gran Vía, o «E» soltouse na Paralela e caeu á praza coma unha peza de mecano. Ninguén o volveu colgar. Foi a reliquia que atopaches para CHISPA: o seu proxector leu a pegada que deixaron ao desmontalo e apareceu un nome que xa coñecías. Os letreiros non se borran, lévanos letra a letra.
Na Paralela segue tirado nalgún punto da praza, de lado, cun brillo canso. Quen o recolle di que, se o miras un anaco, escintila nunha orde rara, coma se soletrease algo coas letras que lle faltan. CHISPA asegura que é unha palabra enteira. Aínda non dixo cal.
Unha letra soa non di nada. Pero alguén a levou con coidado, sen rompela. Iso non é a Néboa: iso é alguén que pensa volver usala.
CHISPA, nota de voz gravada na praza